Opinión

O espello do tempo

Fotos. Hai fotos que fan asomar os recordos. As fotos son o espello da memoria. Fotos que emocionan. Fotos que asombran. Fotos que fan rir. Fotos que enchen de nostalxia. As fotos son o espello do tempo. Fotos vellas. Belas fotos. Fotos en branco e negro. Fotos daqueles tempos. Daqueles nos que practicamente ninguén tiña unha cámara. As que vas atopando de rapaz foi porque alguén “do estranxeiro” chegaba á vila cunha cámara e se lle caías ben, retratábate. Fotos en cuadrilla. Fotos en familia. As fotos son o espello da lembranza. Fotos en color. Fotos nas que asoman xente que xa non está. Bagullas nos ollos. Fotos que amosan as modas dos anos 60 e 70. Fotos de bebés regordechos. Fotos de mozos melenudos. Fotos de coletas por enriba das orellas. As fotos son o espello da morriña. Fotos de xente que queres. Fotos de persoas que amas. Que amaches. Que amarás. Fotos bonitas. Fotos raras. Fotos, agora, a darlle cun sacho. Porque agora si queda todo retratado. Parece unha loucura. Pero, co tempo, esta loucura tamén será bonita. Porque amosarán o pasado, amosarán os recordos, amosarán os soños. As fotos son o espello dos anos. O espello do tempo.

Te puede interesar