Opinión

O espírito dun conto

Quixen quitar o calo da planta do pé esquerdo, pero non houbo maneira. Doíame e dóeme. Agora xa decidín non facer máis intentos; ou atravesa o pé ou podrece aí. Estou escoitando a Francis Cabrel no tema “La cabane du pecheur”. Eu escoito de todo. Xa o dixen sempre. Arxentina está nun tris de dicirlle adeus ó Mundial. Quero viaxar nun avión para despegar nun aeroporto afastado e para aterrar nun aeroporto de aquí ó lado. Quero bailar sobre a tumba dun malnacido, pero aínda así quedaría feo. Agora escoito a un tal Jadiel no tema “Pretty Girl”. Sinceramente, nin idea dese tal. Teño un pequeno dicionario sobre a mesa, por se hai que botar man del. Moitas veces teño que botar man del. Aquel maldito castrapo, e aínda que só sexa por inercia, asoma unha e outra vez. Raño o brazo esquerdo porque me pica. O esquerdo e o dereito téñoos moi morenos xa, practicamente queimados. E non é por estar na oficina. Non oohhh! Agora si, agora escoito música que coñezo e música que gozo con ela: a banda sonora de “Cabaret”. Que marabilla! Teño un bolígrafo vermello á miña beira para anotar cousas ou para borrar anotacións. Quero ver o mar e cheirar a flor do toxo. Quero ser o espírito dun conto. Do meu conto.

Te puede interesar