Opinión

O maldito alieníxena

Non hai maneira! O calo non quere saír. E iso que xa levo dúas almofías de auga quente con sal. Moito furgo co cortaúnllas, pero nada. Vexo as estrelas, pero o maldito alieníxena segue aí metido. Pois ten que saír. Aínda que só sexa un cacho. Porque mañá toca sulfatar e teño que andar todo o día enriba del. A ver se mentres escribo abranda un pouco máis. Para meterlle logo no cuarto de baño a banderilla como touro na praza dos horrores, é dicir, como bicho na planta esquerda do meu pé. Si, xa sei que teño que ir a un calista, pero... para que? Ós trinta días ou ós dous meses volve estar aí o malnacido. Para que, ó andar, de cando en vez, pise algunha coíña e, aí si, nese momento, xuro e prometo que vexo máis que estrelas. Noto como unha dor lacerante sobe por min arriba e solto catro palabras ou máis que non teñen cabida neste relato. Maldito calo! Estou a sufrilo desde principios dos oitenta, de cando viaxaba todos os días no metro e descargaba todo o meu peso sobre a perna esquerda. Dise que o ser humano adoita descargar o peso do corpo sobre un pé tan só. Digo eu que sería diso; que a pobre planta do pé fartou de queixarse ata que se vingou. E vaia se o fixo!

Te puede interesar