Opinión

O prodixio arxentino

Como comentaba onte, un dos puntos fortes desta 22 edición do Festival de Cine de Ourense eran as retrospectivas de tres directores da outra beira do Atlántico. Cada un deles presenta un terceto de traballos que intentaremos visionar e explicar máis polo miúdo cando chegue a ocasión.

O director, produtor, guionista, crítico, investigador, docente e actor Mariano Llinás naceu en Bos Aires no 1975 e deuse a coñecer no ambiente cinematográfico no 2002, ó saír xusto da Universidade, coa película “Balnearios”, que fixo con tan só 15.000 dólares que acadou dun premio que lle concedera a Fundación Antorcha. Catalogado como un documental irónico e pouco convencional, “Balnearios” tivo unha excelente acollida no Bafici, o Festival de Cine Independente de Bos Aires. Iso animouno a rodar xa algunhas curtametraxes e no 2008 realizou “Historias extraordinarias”, que supuxo unha enorme convulsión no cine arxentino, entre elas a da duración: nada menos que catro horas de película, polo que ten que confesar moitas veces que é porque lle gusta filmar máis que estrear e porque as películas duran o que teñen que durar. Totalmente de acordo.

A inusual estrutura de “Historias extraordinarias” (tres historias independentes que avanzan en paralelo e cuxo único nexo en común é a provincia de Bos Aires), a súa mestura de xéneros e, sobre todo, a asombrosa utilización dunha voz en off constante e hipnótica facían do filme de Llinás un ambicioso experimento narrativo. Confesaba un crítico que a película era “unha estraña sensación, como se o cine arxentino espertara dunha longa temporada de sono e silencio”.

O ano pasado estreou no Festival Internacional de Cine de Mar del Plata a primeira parte de “A flor”, filme que lle custou sete anos de proceso, con diversas historias diferentes e filmadas en momentos diferentes. Película esmaltada polo amor á actuación e ó diálogo. Se non podedes ver as tres, procurade polo menos ver algunha. Sei seguro que vale a pena.

Te puede interesar