Opinión

O Ribeiro en pé

O  tempo climatolóxico do sábado pola mañá non foi quen de impedir a concentración en Ribadavia por un Ribeiro con futuro, en relación, claro está, á solicitude de zona catastrófica por culpa das xeadas acaecidas a finais do mes de abril. Baixo fortes e intensos ballóns ou chuvieiras e de baixo dos paraugas, máis dun milleiro de persoas (moito máis) percorreron a vila cabeceira da viticultura ourensá nun traxecto bastante longo, desde o instituto ata a praza maior. Baixo o lema, a lenda "O Ribeiro en pé", a xente desfilou con orde e con calma pero coa carraxe e a impotencia brillando nos seus ollos. Debaixo dos paraugas sorrisos tristes, que pasaban a unha relaxación cando as nubes negras abrían e deixaban que uns presuntos raios de sol ou claridade asomasen polo ceo do Ribeiro. Peche de paraugas e cabezas para atrás examinando a marcha para asimilar a cantidade de xente. Desde un principio fun o máis sorprendido cando cheguei ó instituto. Escarmentado pola pouca asistencia hai uns anos (de cando o problema dos viticultores sen bodegas) a diversos encontros e concentracións, o sábado, xa digo, emocioneime co que me atopei. É certo que non estaba todo o Ribeiro, pero había moito Ribeiro de Cristo, encabezados por unhas dúas ducias de tractores que armaban o seu aquel coas súas bucinas. Un deles ía cargado coa proba do delito: follas de vides e máis vides levadas pola xeada. Manifestación seguida tamén polo peche dalgúns comercios da vila xudía, porque saben que o futuro da zona está, na súa inmensa maioría, no viñedo. E se non hai axudas para sortear unha catástrofe, non hai quen traballe as viñas. E se non se traballan as viñas... non é necesario dicir nada máis.

Te puede interesar