Opinión

O Sapoconcho

A Real Academia Galega publicou hai uns días a relacións das palabras máis buscadas no seu dicionario, alcanzado a categoría da máis buscada “afouteza”. Vale, de acordo. Pero o que máis me chocou foi a que quedou en terceira posición: sapoconcho. Sinceramente, eu pensaba que era unha palabra abondo coñecida; ó mellor porque eu, porque nós (os da zona de Baños de Molgas), de rapaces, a usabamos case a diario, principalmente, en Barricobos (monte Pinouzos) e na Tapada dos Ferreiros (monte Medo), xa que, a maioría das veces, en vez de gardar as vacas cando andabamos todos mesturados no monte con elas, pasabamos o tempo buscando sapoconchos por eses lugares. Porque eran bonitos e porque nos facía graza ver como se acochaban na súa cuncha e, sobre todo, como sacaban moi parsimoniosamente a súa cabeciña para asomar á luz do día. Era un animal, é un animal que non dá noxo nin arrepío; incluso daba gusto acariñar a súa cuncha. A min, sinceramente, gústanme moito os sapoconchos e máis dunha vez os teño sacado nos meus relatiños. Que si, que convivín moito con eles e que, agora, por desgraza, vexo cada vez menos. Imaxino que irán a menos e, un servidor, xa non anda no monte como andaba.

Te puede interesar