Opinión

Obra maxestosa

Tres anos despois da súa obra mestra “Lawrence de Arabia”, o cineasta británico David Lean, levou á gran pantalla “Doctor Zhivago”, a obra do literario e poeta ruso de tendencias místicas, premio Nobel de Literatura, Boris Pasternak, sobre os contrastes vitais do médico e poeta, Zhivago, fronte ós horrores vividos durante o tumultuoso período de tempo na súa Rusia natal que se inicia aproximadamente en 1912 e durante as épocas sucesivas da primeira guerra mundial, a revolución rusa e a subseguinte guerra civil.

David Lean quixo abordar outra obra épica do estilo da anterior, pero cun marcado carácter romántico. O produtor italiano Carlo Ponti mercou os dereitos da obra e contratou a Lean para plasmala cinematograficamente, e propúxolle así mesmo desde un principio á súa muller Sofia Loren para o rol de Lara, aínda que finalmente Lean convenceu a Ponti de que a Loren era demasiado alta e voluptuosa para o papel e optou por outro rostro e corpo máis anxelical como é o de Julie Christie.

O director tamén tivo os seus máis e os seus menos á hora dos cástines, pois por exemplo para o papel principal, a súa primeira opción era Peter O'Toole, o cal declinou a invitación. O mesmo que para o papel de Komarovsky que dubidou primeiro entre Marlon Brando e James Mason antes de decantarse por Rod Steiger. Por non falar dos faraónicos problemas á hora de buscar localizacións para a rodaxe. Rodada basicamente en España (Soria, Madrid, Guadix, Granada...) durante a época franquista, asomou aquela sonada anécdota dos extras de Soria cantando a Internacional por imperativos do guión ante a atenta ollada da desconfiada policía represora franquista.

E cinematograficamente falando, David Lean construíu unha obra maxestosa, magnífica, de guerra e paz, a escala nacional e reducida á escala das persoas, cuns planos excelsos onde se proxecta a vivencia espiritual dos protagonistas. Espreme toda a emoción que pode sacar do romance entre Zhivago e Lara. Todo un clásico que acadou 5 Oscar: guión adaptado, fotografía, vestiario, decorados e esa inmensa banda sonora de Maurice Jarre que xa pasou á historia da música en xeral, co seu famoso “tema de Lara”.

Te puede interesar