Opinión

Orballar a boca

Hadrán Nado Latino senta no mazadoiro da burga de Baños de Molgas, torce a cabeza para a dereita e pensa que, alá, na curva estaba a tenda da Angelita. Tenda que, para a súa infancia, era prohibitiva. Os seus produtos eran prohibitivos. Tan só de cando en vez, ou sexa, moi de Pascuas a Ramos, a súa nai mercaba algo simplemente para orballar a boca. A ver, quen mercaba produtos de calidade naqueles tempos! Hadrán estaba moitos días a velas. Ou a comer simplemente un cacho de pan centeo mollado, porque o dente non era capaz de penetrar naquela codia dura, de oito días. E cando acadaba entrar no bar, o mesmo do mesmo: pedir tan só medio Vila (medio vasiño de laranxa) para que lle orballase a boca. Que tempos aqueles nos que todo se vendía: desde os dous ou catro ovos que puñan as cinco ou dez pitas ata o litro de leite que daba a Turina, logo de arar ó mellor unha leira de millo. Como ía a pobre dar para o seu fillo e para a casa. E menos mal se daba ese litro. Ó non haber leite, tocaba de almorzo papas de millo. Todo o mellorciño do porco alá ía para o mellor ofertante. Moi de cando en vez, unha chouriza de carne orballaba a boca. Polo demais, todo se resumía en: pan e touciño, pan e touciño, pan e touciño.

Te puede interesar