Pagar as fabas

Hai xente que naceu para pagar as fabas, para cargar coa culpa do que fai outra persoa. Hai xente así. Como Macías Deus Variante. O pobre carga con todo. Coas súas culpas e coas dos demais. Macías Deus Variante é un pobre desgraciado que anda de bar en bar para que os seus propios veciños se rían del. Así de amable é a xente da súa aldea. Veno un chisco diminuído e aprovéitanse, vaia se se aproveitan. Desde o cura ata o sacristán, desde o ricachón ata o máis pailán. O caso é que lle fagan pagar as fabas. Macías é fillo de Nadal Deus e de Edenia Variante, ambos os dous curmáns e residentes, desde cativos, no mesmo fogar. De aí pasou o que pasou. De aí, a burla, a mofa, o escarnio foron os comentarios máis suaves que recibiron, primeiro, da propia familia, logo, dos veciños, para rematar, con toda a contorna. Así de amable é a xente do seu concello. Menos mal que o pobre Macías non se decata de por onde vai a auga ó rego. El anda no seu mundo e non lle importa pagar as fabas. El nin sabe que está pagando as fabas. Macías sorrille ó seu amigo, ó seu parente e a calquera descoñecido. Macías tan só desexa que lle falen, aínda que sexa a berros, aínda que sexa a base de insultos. Macías Deus Variante senta no chan e espera.