Opinión

Parecer o repertorio zaragozano

Quere chover pero vai sol. Quere facer frío pero a parella que está sentada á beira do río Sor contemplando a ponte do Muíño da Luz ten as mangas das camisas arremangadas. Ulises Urrutia Calado, O Pazpallau, ten collida da cintura a Ida Activia Sonora, A Piruleta, e está a contarlle ó oído os pormenores do partido de fútbol que viu onte pola noite na televisión. A Ida o fútbol non lle interesa nada de nada, pero por non ofender ó seu mozo, ás veces, aguántalle as súas verborreas. Claro que tamén, outras veces, axiña lle solta aquilo de que “pareces o repertorio zaragozano”, porque se repite unha e outra vez con tal penalti ou cal xogador. A Piruleta non lle queda outra que, de cando en vez, desconectar, pero, iso si, amosándolle un sorriso dentífrico dándolle a entender que o atende coma se estivera na misa. A realidade é a que pensa ela: O Pazpallau parece o repertorio zaragozano. Sempre semellou iso; sexa coa moza, sexa con amigos, como colla un tema, dálle que dálle ata que aburre ós propios mortos. No fondo é bo rapaz, pero... cansa, esgota e todos xa intentan afastar del. Menos a Piruletiña, claro, que lle quere con loucura. Os dous xuntan as cabezas e miran para a ponte do Muíño da Luz.

Te puede interesar