Opinión

Pegarse como a la de un gato

Cando Landelina Corbacho Terra viu na distancia á súa amiga Macarena Beata Diosdado, marchou correndo cara a ela para preguntarlle por Narcisa, a filla do Sacho Redondo. “Hoxe non a vin nada, contestoulle Macarena; e mira que sempre a vexo con Zanín, que se lle pega como a la de gato”. De todos é sabido que Narcisa e Zanín son incluso algo máis que uña e carne. Desde cativos andaron sempre xunto. Buscaba máis Narcisa a Zanín que este a aquela. De aí que moitos dixesen que se lle pegaba como a la de gato. Narcisa Servo Noia quizais fose a máis guapa da vila e da toda a contorna. Claro que para iso xa os seus pais Abdón Servo Iglesias, O Sacho Redondo, e Oballa  Noia Falada, A Pala Cuadrada, eran guapos, pero guapos (os dous, non hai por que negalo). E Zanín tamén era un bo mozo. Sobre este ninguén sabía a quen saíra, porque Zanín, O de Fóra, aparecera un día pola vila sendo mesmo un rapaciño e, aínda que lle preguntaban, el dicía que non sabía dos seus pais, que desde que tiña uso de razón só coñecía unha carballeira que había polas Costelas. Tampouco ninguén sabía onde estaban esas Costelas. Á xente, ós homes principalmente, quen máis lles importaba era Narcisa e por moito que se lle pegara a Zanín como a la de gato. Era moi guapa.

Te puede interesar