Películas de actores

Películas de actores

Enaltecer as virtudes da vellez, ese é, quizais, o obxectivo de “Conversacións con mamá” (2004), e que apunta a unha sociedade que polo xeral ignora que o sinxelo da sabedoría está na profundidade da vida mesma, e basicamente sobre a falta de comprensión e amor ó que son sometidos os anciáns.
Gran película de actores, pero mágoa que, por culpa dunha posta en escena algo errada, o director Santiago Carlos Oves (autor tamén do guión) non acerte a enxalzar aínda máis o traballo dos seus intérpretes e o seu propio. Un bo material de acoso e derribo sobre as dificultades do país para ofrecer algo tan básico como o acubillo da súa xente; unha observación sobre as relacións nais-fillos e unha reflexión sobre a terceira idade.

Conversacións con mamá” é un filme moi teatral, feito a base de longas conversacións ambientadas en interiores, e que ten toda a súa forza, toda a súa excepcionalidade nas interpretacións de dous auténticos monstros chamados China Zorrilla e Eduardo Blanco. O duelo interpretativo entre estes dous actores é un auténtico deleite, un pracer absoluto e se por algún casual o ritmo decae un chisquiño, aí está a inmensa China Zorrilla que sostén o filme de tal maneira que simplemente chega con oíla falar.

Película de historia humana, sinxela, natural. É unha película de diálogo e empeño de actores que non semellan interpretar senón vivir e amosar o que están facendo. Ademais, é unha pequena lección do que na vida hai que facer se algo non funciona e aínda que custe recoñecelo. Desprende sinxeleza e tenrura por todas partes, a medio camiño entre o sorriso e a tristeza, entre a dozura (a experiencia e a sabedoría das persoas maiores) e a acidez (na vellez case todos os pensamentos viaxan cara atrás, os soños son moi curtos e a esperanza faise cada vez máis pequena), onde o director non quere afondar nunca no drama e amósanos a historia con naturalidade.

Cine para reflexionar e tamén para reflectirnos: sentimentos propios, actitudes e accións por demais familiares, o egoísmo moi presente, con valores, sentimentalismo e emocións, etc. “Conversacións con mamá” non é unha obra mestre, nin tan sequera unha gran película, pero si un moi bonito filme.