Opinión

Pelos de espeto

En 2002, un Oliver Stone en permanente busca das raíces da década dos 60 abordaba a Fidel Castro nunha longa entrevista chamada, xustamente, “Comandante”. E se Stone buscaba, como antes fixo en “JFK”, en “Platoon” ou en “Nixon”, as grandes correntes que alimentaron a controversia ideolóxica e as guerras dos anos sesenta, Castro, como un bo gobernante illado e astuto, buscaba unha fenda, unha abertura pola que aparecer, e ademais da man dun director prestixioso e estadounidense, na palestra internacional... unha faceta da súa personalidade na que sempre demostrou un especial olfacto.

Así é que Oliver Stone volve a Cuba  para rodar “Looking For Fidel” (2004) e, outra vez, cámara en ristre, volve entrevistar a Castro para pedirlle contas dos seus excesos nos últimos tempos, que foron uns cantos, desde a “liquidación” duns mozos que intentaron tomar un barco ata a detención de 75 disidentes políticos acusados de venderse ó “inimigo ianqui”.

O resultado son unhas 30 horas de gravación, convertidas en pouca máis dunha que, non obstante, dá para poñerlle os pelos de espeto a calquera. Certo, Fidel utiliza maxistralmente a súa habilidade dialéctica, ben que xa un tanto minguada pola idade, para denunciar as incoherencias, cando non as falacias e a vileza, da política exterior estadounidense, do unilateralismo disfrazado do que facían gala Bush e os seus “neocons”.

Pero tamén fai gala dunha concepción da administración do Estado que non pode menos que resultar lamentable: o pai punitivo, que ás veces se disfraza de benévolo e que interfire absolutamente en todo o funcionamento dos organismos do Estado, a menos afortunada das versións que pode dar de si un dirixente revolucionario. Esa maxistral, ben que terrorífica, secuencia do xuízo, na que Fidel recorda a cada un que se espera de cada quen, resulta, mal que lle pese ó seu protagonista, moito máis esclarecedora sobre as derivas autoritarias que Castro adoptou hai xa moito tempo que a máis viperina das denuncias lanzadas pola “gusanera” desde Miami.

Te puede interesar