Opinión

Pensamentos que furgan

Canta ansiedade xunta nunha man que se pecha e nun xesto no que se debuxa un momento eterno. Cada quen que lance as pregarias ó vento e despois de cada oración, que os asubíos leven o ritmo por entre os codesos da Costela ou por entre as xestas do monte Medo. Cantas olladas de orballo caeron sobre un carro cheo de señardade, que deixaba escapar a súa cantiga dun eixe de carballo. Canto máis esterco se cargaba mellor cantaba o carro. Cantas máis viaxes facías, máis opcións había de que unha vida labrega fose raíña por un día. Tempos que aniñan na fervura dun instante. Vida que vai e vén por entre as airas de Baños de Molgas e as carreiras da nostalxia. Camiños que levan ó parladoiro da burga, mentres uns caldeiros de auga quente son fieis testemuñas de que houbo un tempo no que a infancia ía moito máis alá dunha simple veciñanza. Canta ansiedade xunta nuns pensamentos que furgan nun pasado inmenso, miserento ás veces, pero feliz sempre. Baños de Molgas, na lembranza.

Te puede interesar