Opinión

Pequeniña e amorosa

A directora Cecilia Kang é unha moza coreana-arxentina que decide facer un documental sobre unha mestra de artes plásticas, sobre as súas amigas e sobre as mulleres das súas familias. E se ben a idea de facer o documental sobre un mesmo pode sonar ególatra, pero o certo é que “O meu último fracaso” non se sente para nada como o resultado de algo marcado polo ego. Semella máis que é unha busca persoal, da identidade que un atopa a medida que acaba de coñecerse a si mesma e de onde provén. Kang ponnos diante a un grupo de mulleres que son tan arxentinas como coreanas, superpoñendo nacionalidades e costume. Un choque cultura ó que pertence.

A película é sinxela e faise querer, os personaxes son na súa maioría entrañables, e esta ollada de e sobre mulleres séguese con interese, aínda que a estrutura, a sensación de bambeo non sempre axuda nas vivencias dos personaxes retratados. Máis ou menos somos observadores a distancia dun mundo alleo e por momentos bastante fascinante.

Este melodrama documental, que é a ópera prima de Cecilia Kang, versa sobre as migracións, sobre as relacións familiares, destinos e rebeldías, no que a sensibilidade da directora invita ó espectador a espiar un ladiño ou un recanto da alma humana que apenas se deixa entrever.

O motor da película está no intento de Cecilia de comprender a construción da súa propia identidade arxentina e coreana, esa identidade dual que se reflicte nas súas mellores amigas da infancia. É unha historia que invita, e moito, á reflexión e ó debate.

Kang expón unha ollada sobre a muller desde o seu propio xénero. Temas como o amor, a dor, o machismo, os lazos familiares, as perdas pululan durante toda a metraxe. A narración de “O meu último fracaso” flúe de maneira natural e pouco a pouco circula cara ó entretemento e a simpatía, cun esquema fóra das formas máis convencionais. Película pequeniña e amorosa.

Te puede interesar