Personalidade escura

Personalidade escura

Case sempre se comunica a morte dun personaxe cinematográfico ó día seguinte (ou no mesmo día incluso) de acontecer o deceso. Pero hai veces, que por unhas circunstancias ou outras, tárdase días de saber o óbito. Como foi o caso do actor británico Jon Finch. O seu cadáver atopárono no apartamento que habitaba no condado de Essex, o 28 de decembro de 2012, pero a noticia non se comunicou ata principios da terceira semana de xaneiro do 2013, por expreso desexo dos seus familiares. Sabíase que Finch padecía diabetes crónica e aínda así asombraba ós propios veciños asistindo regularmente ós bares da contorna. Nas rodaxes que fixo en España, o uso de xeringas coas que aplacaba a súa doenza eran o ruxerruxe entre os técnicos.

Jon Finch naceu o 2 de marzo de 1942 e a súa época máis prolífica e transcendente foi, sen dúbida algunha, os anos setenta, cando chegou ó cine despois dunha breve etapa televisiva, que, por certo, xa viña precedida dunha sólida traxectoria teatral. Que actor cinematográfico inglés non se pateou antes todas as táboas teatrais? Os seus primeiros pasos no cine foron baixo o manto da mítica Hammer en títulos como “As amantes do vampiro” ou “O horror de Frankenstein”, no 1970, así como a estraña película de ciencia ficción “O programa final”, que dirixiu Robert Fuest, no 73 e venerada hoxe polos especialistas do xénero. Nestas películas, a súa personalidade escura convertíase en fascinante. Despois xa pasou a producións de maior prestixio ás ordes de cineastas como John Schlesinger, Polanski ou Alfred Hitchcock.

Jon Finch interviu en España en personaxes protagonistas en “O segundo poder” (1973), de José María Forqué; en “A Sabina” (1979), de José Luis Borau e substituíndo nesta ocasión a Alan Bates; e en “Gary Cooper que estás nos ceos” (1981), de Pilar Miró, en substitución de Sean Connery. Nestas rodaxes, Finch amosábase pouco sociable, inimigo da publicidade, actitudes que mantivo ó longo da súa vida. El non quería ser unha estrela; “adoito facer unha película ó ano, polo que sempre teño cartos para gozar e manterme fóra da vista do público. Supón unha vida moi agradable o non ter grandes ambicións”.