Opinión

Personaxes para tremer

Sempre presumín un pouco de ser optimista; en cuestións políticas, por exemplo, e incluso de calquera índole. Tamén sempre fun moi confiado. Principalmente sobre os medios de comunicación, porque son polos que nos decatamos de todo o que hai, de todo o que asoma nesta nosa sociedade. Poño de exemplo o da chegada á lúa. Sei de moita xente que pensa que iso foi unha trola, unha argallada ianqui; mentres que eu sempre confiei no famoso paso de Neil A. Armstrong. Agora, non sei se é pola idade ou porque os acontecementos, principalmente políticos, empezan a desbordarme, empeza a propagarse en min un chisco o pesimismo e case se me dá por soñar ou por angustiarme ante a posibilidade daquelas cunetas da guerra e da posguerra. Si, xa sei que pode semellar unha tolemia o meu pensamento, pero é que en pouco tempo asoman nos xornais novas sobre certos personaxes que son como para tremer. Silvio Berlusconi quere volver para ser candidato ás eleccións europeas. Jair Bolsonaro fai e desfai ó seu antollo en Brasil. Nicolás Maduro en Venezuela. O Frente Nacional de Marine Le Pen en Francia, Donald Trump nos Estados Unidos. Vladímir Putin en Rusia. Vox en Andalucía. Sinceramente, estamos perdidos! O asunto empeza a ser demasiado serio. A sociedade quere buscar tal cambio que penso que non tardará en asustarse, en caer na conta de que o cambio vai moito máis alá dun simple “a ver que acontece”. Moito coidadiño que, ó mellor, xa non conseguimos parar o erro cometido. E que deus nos pille confesados, pois hai algúns por aí que estou seguro de que queren empezar a encher cunetas, e canto antes mellor. 

Xa que nomeei a Vox, non me queda outra que comentar as declaracións do seu secretario xeral, Javier Ortega Smith, sobre a nosa lingua. Segundo el: “En Galicia preténdese levantar apartheids lingüísticos, por iso hai que protexer o español”. E quedou tan campante, tan oufano, tan satisfeito! Protéxeo do inglés, alma cándida, e non do galego. O inglés está a merendar, a devorar a todos os nosos idiomas e non vos dades conta. Pero para vós non, para vós é o galego o que embucha, o que engula ó castelán (por certo, castelán, non español; que españois somos todos)

Te puede interesar