Opinión

Pesadelo psicolóxico

O que máis chama a atención de “O maquinista” (2004) é a caracterización de Christian Bale, para a que tivo que perder ata 30 quilos para encarnar ó insomne Reznik. Pero o filme vai moito máis alá da interpretación. Amosa o arrepiante, o estarrecedor drama dun home atormentado. Un filme psicolóxico con pinta de pesadelo kafkiano bastante ben levado e cunha gran atmosfera de confusión.

O director Brad Anderson é un excelente creador de atmosferas lúgubres e non por elo menos realistas e realiza un notable traballo, facéndonos partícipes de todo canto lle sucede ó personaxe de Reznik durante o seu espertar existencial. “O maquinista” resulta de gran utilidade para facernos entender a vulnerabilidade da nosa estabilidade mental e o atada que se atopa esta coa nosa existencia. O filme afonda, escava nas consecuencias que un comportamento marxinal pode desatar e os beneficios que se obteñen practicando unha conduta civilizada. Fala da confesión como medio de redención e do castigo como terapia ou curación.

Filme cun realismo magnético, frío e corrosivo detrás do cal se agocha unha verdade que o espectador só coñecerá na fin da metraxe. Todo elo aderezado polo impresionante traballo interpretativo de Bale, no que vemos a mente dun home chea de reproches e coa conciencia tan cargada que nos achega ás portas da tolea, sempre tan suxestiva pero temida máis que o inferno. O actor dótalle ó personaxe de credibilidade e facilita a identificación do espectador co seu estado de demencia e decrepitude. O seu personaxe semella vulnerable, física e animicamente. É un home perdido non só nas súas roupas, senón especialmente nos recunchos da súa mente.

Gran película, moi intelixente, con algúns momentos un tanto intricados, pero iso non a volve plúmbea en ningún momento. Posúe unha poderosa ambientación e un guión coidadosamente construído que axiña engancha. A fotografía de Xavi Giménez impresiona e é tan áspera como o contido da historia. Para rematar, dicir que tamén aparece Aitana Sánchez-Gijón, a miña Aitana.

Te puede interesar