Opinión

O poder, o cume do egoismo

Saúde, diñeiro e amor. O que teña estas tres cousas, que lle dea grazas a Deus. Vaia trapallada! O poder! Todo o asunto está no poder. O poder é o cume do egoísmo. O poder adóitase ter con diñeiro, pero incluso hai pobres que ó ter o poder fan e desfán á súa maneira. Todo está no poder. Blesa e Rodrigo Rato tiñan poder e por iso fixeron o que lles deu a gana coas tarxetas opacas. Teñen o poder e por iso non irán ó cárcere. O Goberno exipcio pon man dura no control da Universidade para que os estudantes non se desmadren… a ver se lles van quitar o poder. Non digamos xa o que pasou nas manifestacións estudantís de Hong Kong, onde os estudantes piden democracia. Demoqué? Sempre se dixo que, a saúde, a saúde é o principal nunha persoa. Mentira! Ata para a saúde conta máis o diñeiro e o poder. O ébola seica hai máis de trinta anos que anda “de maleante” por aí, pero ninguén fixo nada ata que empezou a amolar ós poderosos do primeiro mundo. Os negriños de África nin teñen cartos nin teñen poder. O amor supónselles, pero son tan pobriños… O cume do egoísmo é que canto máis tes, máis queres. Canto máis intimides ó contrario, máis importante te sentes. E quen non quere ser o becerro de ouro? O poder das ditaduras. O poder político, onde a corrupción, a malversación e o ladroízo asentáronse nese altar de supremacía e que, para máis aquel, asumimos xa como algo ordinario nas nosas vidas.

Te puede interesar