Pola corga da realidade

Pola corga da realidade

Non quero ser rei no mundo dos trevos espallados pola parcela do Medo, porque a miña ilusión é ser príncipe no reino das alfombras máxicas que se acumulan nas barroncas de Barricobos. Pero hoxe aínda son o que non consigo ser nos soños. Será porque soño bonito, porque soño demasiado bonito. Pero hoxe son o que levo sendo toda a vida: un home que vai e vén do dereito cara ó revés. Aínda que ás veces sigo recto pola corga da realidade, porque sei que, alá na meta, pode estar a esperanza. E por iso nunca perdo a esperanza. Ninguén debería perder a esperanza. Seguro que algunha vez nos damos de fronte co desexo compartido do soñado. Ou do pensado. Ou do desexado. Non quero ser marqués na chaira da conveniencia que senta para contemplar os fentos da Porfía, porque a miña paixón é ser servo dos toxos que brillan ó sol pola ladeira dos Currás. Hoxe, máis ca nunca, son o orballo que molla, que enchoupa, que emociona a miña esencia, o meu alento porque presinto a suavidade da pluma da rula que pousa no indicador de inicio da vila na Pitediña. Hai pensamentos que flúen devagariño, pero intensamente, por entre as augas mainiñas dun río que penetra con suavidade pola Ponte Nova.