Opinión

Pola ruta dos escornabois

Quixen coller o ruta dos escornabois, pero non me quedou outra que navegar polo río que non levaba auga. Hai ríos que durante certas épocas do ano non levan auga. O río Aí Vou non leva auga. Por iso non entendo para onde vai. Mais morto o conto, logo de navegar por el, acouguei debaixo dun castiñeiro que alguén me quixo contar que non era tal, que era un amieiro. Por suposto que non lle fixen caso! Coma se eu non soubera o que é un castiñeiro!; todo forte, e rexo, e inmenso, e, co tempo, oco por dentro. Uff, mira que non me metía eu de rapaz dentro deses castiñeiros vellos! Por certo, o que me quixo enganar coa clase da árbore, díxenlle que mollase os pés no río que non leva auga. O moi paspán miroume de mala maneira! Pensaría que, como ía mollar os pés se non había auga. Pero, eu que sei, iso xa son cousas del, xa é un problema seu. Lanceille un sorriso traidor, ou retranqueiro (xa non sei moi ben), erguín e, por esta vez, si fun pola ruta dos escornabois.

Te puede interesar