Opinión

Polas corredoiras da nugalla

Quita o piollo da cabeza e pensa no vaivén da folla do amieiro. Está aburrido. Sentado xunto á presa da Porfía, alá polo monte de Pinouzos, non cre que o día vaia máis alá dalgún sentimento máis. De súpeto, ergue e colle cara Baños de Molgas. Xa está canso de contemplar os biosbardos. Ó mellor na casa fai algo. Non sabe qué, pero algo caerá. Leva trinta anos sen saber qué facer. Ten corenta. A súa vida consiste en ir e vir polas corredoiras da nugalla. Nacera nunha familia da estrada principal, “da carretera”, e iso xa eran palabras maiores. Familias acomodadas. Déranlle todo feito e el aproveitou sempre as ocasións: esperar a velas vir. Só pensaba nos biosbardos e transitaba día tras día polas corredoiras da nugalla. Sentía que non era feliz, pero tampouco intentaba buscar outros camiños que o levasen aínda que só fose a unha actividade espiritual. Pensaba na canseira que iso tiña que supoñer. Chegou á súa casa da rúa principal e, definitivamente, decidiu facer algo. Tombouse no sofá. Custoulle deixarse caer pero alí sigue pensando nos biosbardos.

Te puede interesar