Opinión

Polo arco da vella

Como o outro día me quedou un pouco atrofiado o intelecto e o sentidiño por culpa do fútbol e para que ninguén latrique ou rosme, hoxe optei polo teatro. E ó dicir hoxe digo cando España xogaba a final da Eurocopa Sub 21 contra Alemaña, que xa é dicir, con todo o que me gusta o balompé. O que significa que non hai por que odiar a ese deporte, xa que, cando se quere, pódese moi ben compaxinar este coa cultura. Hai tempo para todo, para un tute como para unha brisca. Aínda que recoñezo que non o pasei nada ben no teatro, e non pola obra en si (que está moi ben), senón polos putos e malditos móbiles que seguen a molestar nunha sala ás escuras. E non hai maneira que advirtan ó principio de que, por favor (ollo ó dato, con educación usan as palabras "por favor"), se apaguen os móbiles mentres dura a obra. É como predicar no deserto, porque sempre hai algúns que esa educada solicitude a pasan polo arco da vella. Isto ponme nerviosísimo e case se pode dicir que me custa entrar na representación porque a miña cabeza está a ferver por culpa desas luces que molestan o demo; os ollos vanse para esa claridade.

Te puede interesar