Opinión

Polo camino veño

AGervasio Vilaboa Vences foille o bocado polo camiño vello. Estaba xantando coa súa dona e coas dúas fillas. Falaban dos horarios e da forma de ir buscar a herba seca que tiñan no lameiro do Prado Vello. Gervasio, O Capador, meteu na boca un cacho de touciño cun bo anaco de pan e, como quixo meter baza na conversa, axiña tragou o bocado sen practicamente mastigalo. Ó momento notou que aquilo non baixaba e que, para máis aquel, o mancaba. Quedou quietiño coma un paxariño e non tardou en dar golpes na mesa coas palmas das súas mans. A familia tamén apreciou a apurada de Gervasio. A cara deste xa empezaba a ser un poema: vermella e cos ollos que empezaban a esbagullar. Todos, e el mesmo, percibiron que empezaba a afogarse. O Capador ergueu coma un lóstrego da mesa e correu cara ó cortello coa intención de trousarse e a ver se así expulsaba aquilo que o estaba matando. A súa dona, Dorinda, A Peliqueira, ó mesmo tempo que berraba toda apurada o nome do seu marido, dáballe labazadas nas costas, pero nada. A sorte foi que o bocado baixou decontado e O Capador deixou xa de suar de angustia. Entráralle polo camiño vello.

Te puede interesar