Opinión

Por discordancia

Isto non é vida, díxolle aquel ó outro. E aquel foi e suicidouse. Así, polas bravas. Tirouse da Ponte das Cepas ó río Arnoia. Cando recuperaron o corpo daquel, atoparon unha nota que dicía: “deixo este mundo por discordancia”. Nada máis. O asunto semella unha broma, pero non é tal. A mellor proba é que, o outro, quizais polo impacto da morte daquel, plantouse no medio e medio da vía do ferrocarril, e o tren que viña a todotren desde Poboa de Sanabria ata a estación do Empalme de Ourense, levouno por diante, levouno nun suspiro. Foi un visto non visto. Tamén no peto do pantalón tiña unha nota: “eu non vou ser menos, tamén deixo este mundo por discordancia, que carallo”. Así, categoricamente. Ninguén entendía nada. Ninguén entende nada. E non entenden o dos dous suicidios seguidos, senón as notas en por si. Iso da discordancia ninguén o conseguía asimilar. E ninguén foi quen de dicir nada. Non fora o demo que seguisen o mesmo camiño daquel e do outro. Ás veces o rustrido, o refrito da mente... vai ti saber. Todos os que asistiron ós dous suicidios, por se aquel, e moi disimuladamente, volveron sobre os seus pasos polo camiño que leva ó muíño do Dositeo. Sentaron a tomar algo no bar da estación de Baños de Molgas e sen ningunha discordancia. A ver se...

Te puede interesar