Opinión

Por encima dos demais

Xa que vou falar de coches ou da súa condución, usarei o verbo circular. Circula por aí unha enquisa ou estudo sobre os cabreos supinos que realizamos ó conducir. Parece ser que uns 100.000 galegos dámoslle á lingua despectivamente (e máis que á lingua) cando imos agarradiños ó volante. A min esa cantidade chócame moito. Creo que é ridícula, que é moito máis grande. Dentro do coche, como non nos oe o outro chofer, barrenamos de tal maneira que, pobriño se o collemos. Certo, máis seguro que se o collemos metamos o rabo entre as pernas. Eu mesmo; recoñezo que esbardallo, que badúo contra o de adiante ou contra aquel que vexo que fai algunha barrabasada. Cuspo os catro cuspires. Sabemos que é lei de vida: o de poñernos sempre un punto por encima dos demais, o de sentirnos perfectos. Se cometemos nós o fallo, custa, custa moito erguer a man e pedir desculpas. Como moito agachamos a cabeza e miramos para outro lado. Como me gusta andar, e tendo A Valenzá un pequeno (ou grande) caos circulatorio, vexo accións e xestos que, repito, moito máis de 100.000 galegos pomos a parir ós demais cando conducimos.

Te puede interesar