Opinión

O pote grande dentro do pequeno

Gael Souto Carballo saca un paquete de Celtas do interior da chaqueta de pana e ofrécelle un cigarro ó seu amigo e veciño Hadrao Hipótese González. Están os dous sentados no mazadoiro da fonte da Aira de Arriba falando do que se lles ben encima. “Están a piques de chegar os días nos que hai que meter o pote grande dentro do pequeno”, dille Gael a Hadrao. Os dous refírense ós banquetes farturentos e que non se fan habitualmente. Hadrao Hipótese afirma coa cabeza unha e outra vez mentres lle pega unha longa chupada ó pito que lle deu o seu amigo. Hadrao é de poucas palabras, ó revés de Gael Souto, que fala e fala aínda que sexa co cigarro na boca. Noméalle todos os produtos que, en principio, pensa mercar. “E iso que aínda queda case un mes”, sentenza. Durante todo o ano non fará outra cousa, pero eses días é certo que pensa meter o pote grande dentro do pequeno. Logo dunha longa chupada, Gael tamén lle numera, axudándose cos dedos das mans e co cigarro na boca, claro está, a familia que vai sentar á súa mesa. Unha mesa que ten que instalar nunha sala á parte, porque nin na cociña nin no comedor que ten na casa lle collerían. Porque Gale Souto é de moita familia. Máis de corenta, que xa é dicir.

Te puede interesar