Opinión

Predominou o malo

Cifuentes. A “manada”. Liga de Campións. Iniesta. A semana pasada deu algo de todo. Predominou o malo. Porque o malo foi moi forte.

Cifuentes. Logo dun mes ou máis dálle que dálle sobre o máster, vai e dimite por un simple furto. Ui que mal cheira isto. Non hai que ser moi listos para saber que houbo mans negras por detrás. E líbreme Deus de defender á señorita! Pero como se adoita dicir, fixéronlle a cama. Os seus. Que a oposición moito baduar e así levaban un mes ou máis sen actuar. Agora dimitiu por unha mangada do ano 2011. Coma se tiveran que buscar de cando era nena. Que o facían, vaia se o facían.

A “manada”. A ver se temos un chisquiño máis de coidado na procura dos nomes. Xa quixeran eses malnacidos honrar tal substantivo, tal especie. Xeralmente, no noso país, entendemos por manada a dos lobos. Veña home, comparar a esas bestas, a eses bichos cos lobos é darlle moita pompa, é poñelos polas nubes. É que nin os xuíces son merecentes do nome de “manada”. Que non sei por que nos estrañamos da sentenza, vendo a xustiza que hai en España, vendo os xuíces que temos. Por certo, a estes si que lles debería tamén investigar algo sobre os masters, títulos e merecementos. É que hai algún...

Liga de Campións. Xa sei que hai un español que, seguro, chega á final. Pero a semana pasada deixounos o partido Liverpool-Roma que nin punto de comparación co Bayern-Madrid. O fútbol inglés segue a ser o fútbol inglés. E con goles. Como gocei dese encontro. Do outro gozou o meu fillo, que tamén ben lle cómpre.

Andrés Iniesta. Palabras maiores. E agora veñen os atoallados de France Football pedíndolle perdón porque nunca lle deron o Balón de Ouro. Nin falta que fai; sería degradar ó xogador, que todos sabemos como vai isto dos grandes premios, sexan do que sexan. Inocentes! A nós chéganos con velo xogar e punto. Nun café oínlle a un fervente seareiro do Madrid o seguinte: “eu vendía o Bernabéu e fichaba a Iniesta”. E oínllo cando Iniesta empezaba. Creo que xa expliquei todo.

Te puede interesar