Preparado para outra

Preparado para outra

Non morrín o sábado porque sei que vou a facelo de moi velliño, máis alá do centenario. Pero o sábado, baixo unha canícula de máis de 40 graos, ás dúas da tarde aínda estaba sulfatando e ás catro e media da tarde xa volvía estar turrando da mangueira. Sulfatando, a sensación de calor non é que sexa real, por aquilo do orballo que deixa o propio sulfato, pero aínda así, en certas partes do corpo, notaba que a temperatura era algo fóra do común. Non obstante, aguantei coma os heroes. Que remedio! Para máis aquel, pola mañá, non levaramos nada de auga para beber. Nin tan sequera puiden lavar a boca. E pola tarde, cando estaba a dar o terceiro tanque, non me quedou outra que parar un momento para botar uns grolos, para non deshidratarme. Non me gusta parar porque, despois, case sempre se me tupe a boquilla da mangueira e perdo tempo limpándoa. Emporiso, non se tupiu e seguín dálle que dálle baixo unha calor sufocante. Desde as once da mañá ata as oito e media da tarde, cun intervalo de descanso desde as dúas e media ás catro e media. Ó ducharme e verme no espello si souben aí a canícula real que caera: tiña partes do pescozo e da cara máis coloradas que un tomate. Non obstante, aquí estou, aquí sigo e preparado para outra. Que remedio!