Opinión

Proposta rompedora

Con “American Splendor” (2003) non nos atopamos tan só ante un cómic cinematográfico espléndido, senón unha das propostas máis rompedoras e máis intelixentes que nos chegou do cine independente americano nos últimos anos. Reflexión metalingüística a propósito dun reputado guionista, Harvey Pekar, que no filme interprétao o camaleónico Paul Gimatti... e que tamén aparece cos seus propios trazos. O filme é algo así como o cruel reverso do soño americano, a vida insoportablemente gris dun empregado dun hospital que, tanto na ficción como nos cómics nos que describiu o seu mundo, como na película (nun inaudito triplo salto mortal), loce tan esvaída e carente de interese como, no fondo, a vida de calquera fillo de veciño.

Pero case todo é enganoso nesta película excitante. Porque, de golpe, Pekar (e o seu alter ego Giamatti) demostra un insólito talento para converter o seu mundo, el mesmo e os seus imposibles amigos nunha galería de apaixonantes, esquinados, obsesos personaxes cunha estraña capacidade para a provocación e a denuncia do absurdo da existencia.

E para asestar duras puñadas ó que ortodoxamente se entende por unha historieta, á que non menos ortodoxamente se debería entender como a fulgurante vida cotiá no corazón mesmo do único imperio que nos rexe. E da man de dous directores descoñecidos, Robert Pulcini e Shari Springer Berman, acaban convertidos en excitantes e intelixentes argallantes.

Ten “American Splendor”, por certo, o mesmo irónico nome dos cómics orixinais, as formas dunha cutre comedia indie, pero tamén a sofisticación duns debuxos que en calquera momento aparecen ante os nosos atónitos ollos materializándose desde a nada, unha proposta de imaxe real e animación que certamente non se ve todos os días.

Poden rexeitar o seu envoltorio só os moi puristas, ou os que cren estar a anos luz do mundo do cómic e as súas criaturas. Pero seguro que a goza calquera espectador sensato e os amantes dos produtos inusuais, que por fortuna nos sorprenden de cando en vez, e onde menos o esperamos.

Te puede interesar