Opinión

Puntos de sutura xa!

Houbo cambios políticos. Moitos cambios. Incluso naqueles sitios que nin o máis optimista imaxinaba. Sinceramente, eu, con todo o nacionalismo que levo dentro, nunca imaxinei tal cambio en Baños de Molgas. E mira que o desexaba lexislatura tras lexislatura. Agora aconteceu. E aínda que levo xa moitos anos fóra do lugar no que nacín, no lugar que me criei e das airas e montes nos que gocei, ata chego a sentir ese cambio como algo meu. Non sei, pero notaba a Baños de Molgas tan parado, tan inepto que me doía de corazón ver como todo un potencial turístico era auga de bacallau. Tampouco sei se imos despegar coma foguetes (espero, confío e desexo que polo menos intentemos despegar), mais sei seguro que non se pode ir a peor porque o pozo no que estamos xa non ten máis fondura. Non me importa confesar, incluso me sinto orgulloso de facelo, que me levei unha alegría inmensa ó ver os resultados. Non é bonito contemplar toda unha vida o suicidio lento dunha vila que nin tan sequera merecía unha rabuñadura. Mais o buraco da ferida é demasiado grande. Hai que empezar a meterlle puntos de sutura. Pero xa!

Te puede interesar