Opinión

Pureza expresiva

A Kevin Costner dáselle ben o western e é o único que o practica con certa regularidade. A súa segunda película tras a cámara, Mensaxeiro do futuro, resultou un desastre en todos os sentidos, e o seu primeiro filme como director, Bailando con lobos, tivo máis Oscars dos que merecía e tanta estatuíña cegou ó actor-director-produtor. Pero a súa terceira tentativa, Open Range, asume de principio a fin a pureza expresiva dos grandes clásicos do xénero, mesturando a paisaxística emocionante de Anthony Mann e a forza cinética do último Clint Eastwood (quen por certo, logrou a mellor interpretación de Costner en anos: Un mundo perfecto) cos temas e motivos argumentais de Howard Hawks e John Ford.

Tres individuos, pertencentes a outras tantas xeracións de cowboys (Robert Duvall, Costner e Diego Luna), acampan cos seus carromatos e as súas reses preto dunha cidade. Tras unha escaramuza nocturna, dous regresan ó campamento e atopan ó outro ferido e ó mangallón que os acompañaba (Abraham Benrubi), morto dun disparo. Volven á cidade para vingarse e acaban enfrontándose co cacique do lugar, reutilizando o cárcere para os seus propios intereses. O ancián Walter Brennan, o maduro John Wayne e o mozo Montgomery Clift, tres xeracións en cadea, protagonizaron Río Vermello, o western hawksiano sobre o traslado do gando. O cárcere tamén se utilizaba con similares fins noutras dúas películas do director, Río Bravo e O Dorado, e a idea da volta ó campamento esnaquizado, co encontro do amigo morto, semella tomada do inicio de Paixón dos fortes, cando Henry Fonda descubría o cadáver do seu irmán pequeno xunto ó carromato.

Costner inspírase sen rubor no clasicismo visual e temático do xénero que sen dúbida ama. Non copia nin realiza explícitas homenaxes. Tan só volve narrar cómo lle gustaría que foran os westerns dos últimos anos, cunha precisión física que semella perdida. Dálle a mesma dimensión tráxica á chuvia que tiña en Sen perdón, de Eastwood, e filma con gran emotividade todo o que concirne á introvertida historia de amor que asoma no filme. A Costner sáelle unha película bonita.

Te puede interesar