Quero pensar no Mundial de Rusia

Quero pensar no Mundial de Rusia

Quero pensar no Mundial de Rusia, pero non me sae da cabeza o asunto da cova de Tham Luang Nang No. Doce rapaces con idades de 11 a 16 anos, que eran xogadores dun equipo de fútbol local, están atrapados desde o día 23 de xuño, xunto co seu adestrador de 25 anos, por culpa das abundantes chuvias que alagaron parcialmente a cova. Agora teñen medo a que volvan de novo as intensas chuvias que adoitan caer por eses lares para acabar de rematar a traxedia. En principio, xa se cobrou a vida dun buzo que intentaba levarlle certas provisións. E polo que lin, así a grandes trazos, o asunto non está nada fácil para resolver e o mal tempo climatolóxico está aí, á carreiriña dun can. Oxalá puideran salvalos. Aínda son nenos! Ata a FIFA, por esta vez, se pon do lado dos desfavorecidos, xa que lle promete a ese equipiño que se para o día 15, o día da gran final do Mundial, están a salvo poderán asistir, de invitados, o evento deportivo. A ver se o conseguiran, se conseguiramos ver ós doce cativos, máis o adestrador, enfocados polas cámaras de todas as televisións do  mundo.

Quero pensar no Mundial de Rusia, pero non me sae da cabeza que, de novo, o noso presidente Núñez Feijóo volve falar “con xeito” sobre o AVE: que seguirá vixiante para que a súa chegada no 2019 “faga xustiza”, porque a outras comunidades chegou hai 25 anos. Hai que ter cara para confesar que en 25 anos, el e os seus, non conseguiron poñernos á altura desas outras comunidades. Solta iso e queda tan campante. Puido rematar moi perfectamente con algo semellante á autovía A-52, que se tirou a tira e máis de anos sen chegar. O dito: Galicia, o cu do mundo.

Quero pensar no Mundial de Rusia, e síntome como peixe na auga, porque estou na miña salsa: a de ver fútbol e máis fútbol. Aínda así, non vin todo o que quixen. Por exemplo, os partidos das catro da tarde puxéronseme moi mal, por aquilo de que a viña me reclamaba unha tarde si e outra tamén. Pero botaba man da radio e confeso que tamén gozaba coma un anano grazas ós locutores e ós seus comentarios. Outra forma de sentir o fútbol: cun sorriso nos beizos.