Opinión

Radiante e barroca

"Juan Moreira” (1973), o filme do arxentino Leonardo Favio constituíu un enorme éxito de público e é un filme de gauchos, pero cun xiro moi curioso: Moreira, un gaucho matrero e camorrista, vese envolto nas loitas políticas que nos anos 70 do século XIX dividen ós nacionalistas e ós federalistas, poñéndose, así, ó servizo duns e doutros, para sobrevivir e, a longo andar, acadar o tan desexado indulto. É impresionante a secuencia na que se describe como eran unhas eleccións políticas, en medio dunha violencia política abraiante, e dun sectarismo político que procede dos caudillismos da época da Independencia.

O director amosa unha Arxentina inmediatamente anterior á avalancha migratoria de fins do século XIX e principios do XX: unha Pampa aínda bastante salvaxe, na que as cobertoiras dos indios conviven cos comercios dos brancos. Nótase a vida dura do gaucho entre a pobreza e a ignorancia. Hai moitas cousas que non cambiaron a día de hoxe.

Película radiante, barroca e cun gran papel protagonista de Rodolfo Bebán. Tamén se podería catalogar como un western crioulo, xa que ten moitos elementos paradigmáticos do xénero. Quizais sexa algo pretensiosa pero ten cotas altas, dálle un aire onírico a uha existencia que, desde certo punto de vista podería semellar escura, en humildes ranchos da zona rural da Pampa. Leonardo Favio sabe darlle un aire épico a esta historia e un aire barroco ó estilo de Zurbarán co xogo do subliñado claroscuro.

O resultado é bastante sorprendente. “Juan Moreira” marca unha ruptura cos filmes anteriores de Favio, influídos polo neorrealismo, entrando nun territorio fantástico cheo de metáforas en concordancia co cine de Bergman. Incluso nunha escena o cita abertamente. Outras escenas filmadas cámara en man, reflicten o fervor documental do cine de realidade distanciando a súa proposta do tratamento ríxido e acartonado do cine histórico arxentino tradicional. Excelente banda sonora. “Juan Moreira” é unha estupenda película.

Te puede interesar