O reloxo da igrexa de Baños de Molgas

O reloxo da igrexa de Baños de Molgas

O reloxo do consistorio de Lugo parou. O reloxo do consistorio de Lugo parou durante uns días nas nove menos cuarto. Dá igual que foran da mañá como da noite. Parou, e punto. A moitos, isto, como se ladrase un can, pero a un servidor conmoveuno a noticia. Porque a un servidor, ese titular transportouno ó reloxo da torre da igrexa de Baños de Molgas. Esta ten catro esferas a unha altura de preto de 30 metros que, cando paraban... como se botaba de menos! Porque ó parar, as campás non tocaban e cando non tocaban, un servidor e calquera veciño que andásemos sen reloxo, por exemplo, no monte Medo, quedabamos a velas vir, é dicir, sen saber en que hora viviamos, en que momento tiñamos que tanguer as vacas para a casa.

Sei de xente forasteira que, ó chegar a Baños de Molgas, baduaba en contra do maldito reloxo porque non os deixaban durmir. Mentres que nós, os que viviamos alí de por vida, e incluso prestando atención para saber en que hora vivías, había momentos que non te decatabas de cando tocaban as campás, de cando anunciaban os cuartos ou as horas. Hoxe creo que as catro esferas están escaralladas, pero as campás si anuncian os cuartos e as horas. Algo é algo. Entendo a preocupación dos lugueses. Xa digo, nós, cando non tocaba, botabámolo de menos.