Opinión

Resumo do 2017

Rematou o ano 2017 e, como é costume, hai que facer entón o típico resumo anual cinematográfico. As estreas baixaron sete películas (case un mes) con respecto ó 2016, xa que pasaron polas pantallas ourensás 138 filmes comerciais. Digo comerciais, porque aquí non entran os que se proxectan no Cineclube nin no Festival de Cine de Ourense. Vedes que liñas atrás metín unha paréntese... “case un mes”. Fácil de entender. Houbo dous meses (abril e xullo) nos que se estrearon tan só 9 películas. É dicir, que case perdemos un mes na diferencia dun ano ó outro.

Pero como non hai volta de folla, non queda outra que ir mes a mes explicando un chisquiño esas películas que merecen algo máis. Así, no xaneiro, que, por certo, foi o de máis estreas do ano, 16, hai que salientar “La La Land”, que acadou sete Globos de Ouro; e “Mimosas”, do galego Oliver Laxe, ó que, por certo, lle fixen unha reportaxe precisamente por esta película.

No febreiro botaron 11, entre elas, “Fences”, de e con Denzel Washington; e “Jackie”, na que aparece Natalie Portman. En marzo proxectáronse 13, que saliento “O bar”, de Álex de la Iglesia; e “Ghost In The Shell”, porque nela aparece Scarlett Johansson. No abril e xullo foron 9, a destacar “Un golpe con estilo” porque aparecen Michael Caine e Morgan Freeman; “Plan de fuga” porque a protagonizan os galegos Tosar e Javier Gutiérrez; e “Dunkerque”, de Christopher Nolan.

No mes de maio, xuño, agosto e setembro estreáronse 10 por mes; a destacar unha máis (e van...) de “Piratas do Caribe: a vinganza de Salazar”; “A momia”, versión Tom Cruise; “A sedución”, de Sofia Coppola; “Detroit”, de Kathryn Bigelow; “Madre!”, cunha parella impresionante: Bardem e Jennifer Lawrence; e “A cordilleira”, co gran Darín. No mes de outubro caeron 12; a esperada “Blade Runner 2049”, que levou tras de si a reposición da auténtica obra mestra: “Blade Runner”. E nos meses de novembro e decembro proxectáronse 14; a comercial “A liga da xustiza”; outra de Álex de la Iglesia: “Perfectos descoñecidos”; a ansiada “Star Wars: os últimos Jedi”; e “The Disaster Artist”, de James Franco, sobre a peor película da historia do cine.

Te puede interesar