Opinión

Resumo do 2018

Como é habitual desde hai moitos anos e cada vez que empeza un ano novo, adoito facer o típico resumo cinematográfico do ano que nos acaba de deixar. Así é que cando lle botei unha ollada ós meus listados para preparar esta columna, o primeiro pensamento que se me veu á cabeza foi de que estabamos de capa caída con respecto ás estreas comerciais que se levaron a cabo na nosa cidade (paréntese para lembrar que aquí non entran os filmes que se proxectaron no OUFF nin as que se proxectan no Cineclube Padre Feijóo). Resulta que errei no veredicto. Resulta que no 2018 estreáronse 145 películas, é dicir, oito máis que no 2017, e a mesma cantidade que no 2016. Ambos anos acadan o récord desde o 2011, que foi cando iniciei estes resumos anuais para Fábrica de Soños. E paso xa a analizar, empezando polo xaneiro, aqueles filmes máis salientables: “Tres anuncios en las afueras” coa sempre excelente Frances MacDormand e o histriónico Woody Harrelson. “Los archivos del Pentágono”, do mestre Spielberg e cos grandiosos Tom Hanks e Meryl Streep. Tamén asomou o Charles Bronson de hoxe en día, é dicir, Liam Neeson con “El pasajero”. Apareceu a miña amada Aitana Sánchez-Gijón con “Thi Mai, rumbo a Vietnam”.

Belén Rueda estreou “El cuaderno de Sara”. Clint Eastwood asomou con “15:17 Tren a París”. Ridley Scott con “Todo el dinero del mundo” e Guillermo del Toro con “La forma del agua”. Aranoa, Bardem e Penélope estrearon “Loving Pablo”. A marabillosa Jennifer Lawrence deixouse ver en “Gorrión rojo” e Spielberg volveu con “Ready Player One”. Tamén se estrearon a española “Campeones”, “Inmersión”, de Wim Wenders e o filme de animación “Isla de perros”. Máis do produto galáctico: “Han Solo: Una historia de Star Wars”. O cine galego apareceu con “A estación violenta”. J. A. Bayona atreveuse con “Jurassic World: El reino caído”. Chegaron “Misión imposible: Fallout”, “Los futbolísimos”, “Yucatán”, con Luis Tosar; “The Rebel (O rebelde)”, “Ha nacido una estrella”, a exitosa “Bohemian Rhapsody” e “Superlópez”. E remato coas películas de animación “Ralph rompe Internet” e “Spider-Man: un nuevo universo” e cunha nova versión de “Robin Hood”, con Jamie Foxx.

Te puede interesar