Opinión

Sempre sae algo

Xa estamos preparados. Para que? Non sei. O caso é que sentei ante o ordenador e estou a darlle ás teclas do mesmo. Algo sairá, non si? Sempre sae algo. Aínda que sexan peras dos limoeiros e castañas das toxeiras. Non é crible, pero aí está: a frase escrita. Tampouco é crible a política de hoxe en día (e de sempre, todo hai que dicilo) e, non obstante, os xornais enchen páxinas e máis páxinas con ela. Claro que, despois, o que lemos son os deportes e as necrolóxicas. Nestas, a maiores de mirar se é coñecido ou non, se é da contorna ou non, a vista escápasenos cara á idade. Si, si, seguro que é para saber se estamos cerca ou non. Cerca de espichala, claro. Cando un morto anda polas nosas idades... malo! Dicía que hai cousas que non son cribles, como o de cuspir para abaixo e que che caia nun ollo ou o de tratar a unha parraguesa (parraguesa, pon a mesa) como se fora unha princesa. Non é crible, pero aí queda tamén. O que me acaba demostrando, unha vez máis, que algo saíu. Certo, papas sen leite. Pero é o que hai. Así é que toca deixar de darlle ás teclas do ordenador.

Te puede interesar