Opinión

Sempre un señor

Cando o actor Fernando Guillén se despediu no ano 2007 dos escenarios teatrais elixiu unha obra coa que se sentía moi identificado, “El vals del adiós”., de Louis Aragon, inspirada na carta que o poeta francés escribira no 1972 para despedir unha publicación literaria que dirixira desde 1953 e que se fundiu ó quedar fóra do paraugas protector do Partido Comunista. Fernando Guillén adoitaba dicir que o texto posuía moitos puntos de contacto coas súas propias contradicións, coas súas dúbidas sobre o sentido final da vida. El, que sempre intentou manter a coherencia e o compromiso, aínda que por necesidade non puidera facer sempre o teatro que quería.

Non obstante, sempre foi un señor, un intérprete incrible que nacera en Barcelona o 27 de novembro de 1932. Iniciou estudos de Dereito na Universidade de Madrid, ó mesmo tempo que participaba no Teatro Español Universitario, poñendo en escena “Tres sombreros de copa”, de Miguel Mihura e “Escuadra hacia la muerte”, de Alfonso Sastre, en colaboración con outros talentos como Adolfo Marsillach, Agustín González e Juanjo Menéndez. Axiña deixa a carreira universitaria para dedicarse ó que realmente lle gusta: a interpretación.

Fernando Guillén foi un pioneiro na modernización do teatro español e, polo tanto, das miras da súa desorientada sociedade. Contribuíu activamente na apertura cultural durante a ditadura cando, a fins dos sesenta, xunto á súa muller, a tamén actriz Gemma Cuervo, se preocupou en estrear a autores como Camus, Sartre, Edward Albee ou Harold Pinter.

Pero Fernando Guillén fíxose popular grazas a que participou en algunhas das películas máis coñecidas do cine español dos anos 80 e 90. Foi “chico” Almodóvar nos filmes “Todo sobre mi madre”, “La ley del deseo” e, principalmente, “Mujeres al borde de un ataque de nervios”. Traballou con Garci en “El abuelo” e “La herida luminosa”, con Carlos Saura  en “La noche oscura” e acadou o Goya en 1991 polo seu traballo en “Don Juan en los infiernos”, de Gonzalo Suárez.  Era feliz cun libro, o seu can e o sol. Morreu logo dunha longa enfermidade o 17 de xaneiro de 2013.

Te puede interesar