Opinión

Sen categoría de civilizado

Non hai maneira! Por moito que escriba ou que denuncie, vexo que ninguén me fai caso. E iso que sei e que saben que teño máis razón que un Santo. Pero despois, á hora da verdade, a vida segue igual. Ós medios de comunicación pásalles o mesmo que o que lle acontece a calquera paisano: que van, que imos a prol do poderoso, do civilizado, do dominante, do coñecido. Un estudante mata a 19 persoas (fálase tamén de 21) e fire a máis de 50 nun instituto (despois suicidouse). Se a masacre esa acontecera en Estados Unidos ou nun país civilizado (si, hai Estados Unidos e países civilizados), os medios de comunicación bombardearían coa matanza, coa socioloxía, coa psicoloxía, coa vida, coa obra, co instituto do rapaz, dos rapaces, da zona, da rexión, do Estado, do país. E faríano durante polo menos unha semana. Esa noticia ocupou máis ou menos media páxina nos xornais do noso país e só un día. Porque ese estudante cometeu o acto nun instituto da cidade de Kerch, na península de Crimea, á beira do Mar Negro, alá por Rusia, ou sexa, moi lonxe, é dicir, no país dos comunistas, dos roxos. Falando claro, nun país que non ten a categoría de civilizado, que non é civilizado. A ver se nos entra na cabeza que todo o que non pertenza a Estados Unidos e ós seus vasalos ou submisos ou sometidos, simplemente non existe. Non é o mesmo 19 mortos en Rusia que, por exemplo, 5, tan só 5, en Estados Unidos ou en Francia ou en Inglaterra ou en Alemaña. Como vai ser o mesmo! Como vas comparar as fabas coas castañas! Definitivamente, a culpa é miña. Mira que son raro!

A mesma rareza que me está a acontecer coas afeccións deportivas. Hai pouco confesaba que agora era do Huesca (que está alá onde o aire dá a volta), en cuestión de fútbol , para rematar dicindo que, en cuestión de baloncesto, agora son do Celanova, que nada ou case nada ten que ver con Baños de Molgas ou a contorna, que son os meus lugares idolatrados. Ah, pero a veciñanza e a familia tiran que nin o demo. No Huesca xoga o meu veciño David Ferreiro e no Celanova de baloncesto bota o balón o meu fillo Xoel. Por certo, el e eu levabamos dous ou tres anos apartados do baloncesto. Agora, eu, xa tiña ganas de animar e, por que non, de berrar nun polideportivo.

Te puede interesar