Opinión

Ó sétimo día acougou

Tarde de domingo tranquila, ou quizais aburrida; calma, serena. Aínda máis: todo o domingo. Sempre tiven intención de erguerme un chisco antes que un domingo normal para poder ler, pero non o fixen. Cantas veces nos desviamos do camiño! Cantas veces traballa máis o corazón que a cabeza! Ou viceversa. Domingo gris. Pero sen chuvia. Domingo negro... no ceo, nada máis. Ata pola rúa non se oe moito batifondo; nin de xente nin de coches.

Non sei, imaxino que a xente estará nas casas. Porque ata nos cafés tampouco había moita que digamos ás cinco e pico da tarde. Domingo tranquilo, gris e calmo. Ó mellor é certo aquilo de que ó sétimo día acougou. Se descansa un, por que non podemos descansar todos os demais, ou polo menos uns cantos. E se a este domingo calmo lle acoplamos a Novena Sinfonía de Beethoven, pois xa me diredes... Que siga o sosego.

Te puede interesar