Opinión

Simplemente marmañou un chisquiño

Todos estamos desexando que chova. Eu quero que chova. É necesario que chova. Pero hoxe (sábado) amoloume que chovese. O de chover é un dicir; simplemente marmañou un chisquiño. Pero o suficiente para non deixarme sulfatar desde a primeira hora da mañá, ou polo menos desde a media mañá. Tiven que empezar a sulfatar ás catro e pico da tarde, polo que só tiven tempo de dar dous tanques (600 litros), e como a viña me leva 1.200 litros, aínda me quedan outros dous por dar. Que significa isto? Significa que este molgués, mañá, domingo, Deus mediante, vai ter que esquecer o café domingueiro e a lectura dos xornais ata polo menos pola tarde. Espero, confío e desexo que eses dous tanques que me quedan os poida dar pola mañá. A ver se non hai moita orballada e podo empezar polo menos ás dez ou antes das once. En cada tanque emprego unha hora e media xusta, ou sexa, tres horas para o que resta da viña. Non quixera traballar pola tarde. Que é domingo, por Deus, que é domingo.

Te puede interesar