Opinión

Sorrisos conxelados no tempo

Xa sei que a diferenza entre un asubío e o silencio está no ruído. Xa sei que a nube branca que hai no alto da serra axiña se volverá negra para descargar o inferno. Xa sei que a distancia que hai no espazo e no tempo non é quen de borrar un sentimento. Xa sei que as noites de inverno son longas e os días de verán queiman as nostalxias. Sei moitas cousas que vós non creredes, como atacar naves en chamas máis alá de Orión ou como atopar unha ruliña sobre o meu ombreiro esquerdo. Hai rulas que choran para formar pingas de orballo sobre a silveira dunha ansiedade ou dun anhelo. Vin momentos que se perderán no tempo, como bágoas na chuvia. É hora de morrer. Pero quen quere morrer contemplando “Blade Runner” na meniña dos teus ollos. Quen quere morrer logo dun reencontro, dun momento que estivo, que vai e que vén por entre as estrofas dun poema. Xa sei que ninguén le sobre a metáfora dunha soidade nunha gran cidade ou sobre a filosofía duns encontros nocturnos de barrio a barrio, de casa en casa. Pero os momentos están aí, e o tempo pasa para que todo cambie ou para que todo siga igual. Hai sorrisos que quedaron conxelados no tempo. Hai silencio nun verso. Un silencio bonito. Un verso lindo.

Te puede interesar