Opinión

O tarambainas do chimpafollas

Quedo en silencio tras escoitar o ruxerruxe da miña propia respiración. Ás veces respiramos con tanta forza que ata facemos ruído. E se che din que o vaivén dun amieiro se debe a que pasou voando un saltón, enténdese que teña que respirar con forza. A ver, quen non queda pampo ante tal acontecemento! Un saltón é pouco máis que un bicho pequeno, que case non move unha simple herba. Como vai entón abanear un amieiro! Máis seguro que fose unha esaxeración de Dominico, O Chimpafollas. Sempre tivo fama de esaxerado. Eu, nun principio, respirei con forza porque semellaba que falaba en serio. Sempre lle tiven creto ó Chimpafollas. E iso que o meu pai moito me advertira: “non lle fagas moito caso a Dominico, que é un tarambainas”. Agora que víao tan modosiño, tan bo home, que crin o do saltón movendo o amieiro. Naquel mesmo momento vin como aterraba nun cardo molar un saltón dos máis grandes e a tal herba ou planta nin se moveu. Maldito Chimpafollas!, como ma meteu, pensei. Quedo en silencio e, agora, respiro compasadamente, polo que ningún ruído me altera o pensamento.

Te puede interesar