Opinión

Teto, un mago con moitas luces

O   símil máis coñecido dos soños quizais sexa o cine (e de aí vén a famosa expresión “fábrica de soños”); non obstante, a realidade é que quen nos transporta ó mundo dos soños é a maxia. Ata creo que a propia palabra o di: maxia, é dicir, soño real aínda que sexa mentira ou a imaxinación pasada á realidade, á verdade. Como non vai soñar un se estando todo tranquilo sentado nunha butaca dun auditorio alguén che toca na cabeza e desta, de súpeto, saen luces de cores! Como non vai soñar un se, sen ser neno e estar arrodeado de nenos, alucinas coma un neno ante a maxia do Mago Teto! Os soños son pura maxia! A maxia é un soño continuo!
Cando o Mago Teto sacou esas luces da miña cabeza souben ó momento que tiña luces para unha reportaxe, para esta reportaxe dese mozo que nos fixo soñar un pouco ou un moito a todos, tanto ós ananos, coma ós adultos e coma ós máis indiferentes.

Presentouse o tal mago o venres 21 de abril na Casa da Cultura Manuel María de Barbadás e dentro do evento do que xa falei tamén o día que escribín sobre a distribuidora Culturactiva, o de Terra Máxica. A maiores desa maxia que fixo brotar, que fixo abrollar da miña cabeza (e da de moitos máis espectadores, todo hai que dicilo), axiña meteu no peto a todo o aforo (completamente cheo) do salón de actos, máis en concreto, claro está, ó público infantil. Xa é sabido que os nenos son os que máis e mellores soños teñen..., o que pasa é que ás veces, se se lles dá moita confianza (que axiña a collen pola man), sóbense á chepa nun chiscar de ollo e, como se adoita dicir, alborotan o galiñeiro. Pero que todo sexa polo seu divertimento.

Os magos non son magos se non fan participar ós nenos, en particular, e a todo soñador, en xeral. O Mago Teto probou, primeiro, con nenos e, logo, en sorte, o maldito avión de papel que lle lanzou ó público foi dar, maldita sexa!, á derradeira fila da sala, o que demostra que tal aparello estaba ben feito ou tocado coa variña máxica, e non como aqueles que faciamos nas aulas dos Milagres que aterraban ás primeiras de cambio, ou sexa, nas primeiras butacas. O del non, o del voou, voou e voou coma os soños ata a derradeira fila. Definitivamente aterrou ante o servidor que escribe. Manda truco en Baños de Molgas! Porque o asunto era tal que, a quen lle caese, tiña que participar no xogo, na maxia. Lembro que desde cativiño, de cando os magos ían polo Café da Rosita, non volvera subir a un escenario. O Mago Teto primeiro fíxome participar desde a propia butaca berrando de cando en vez “aquí está o avión!” e, logo, xa me fixo subir ó escenario para viaxar, os dous, ata o Xapón. Alá nos fomos ata o Imperio do Sol Nacente. Aí é nada!  Non é por gabarme, pero creo que no “numerito” do avión gozou o mago, gocei eu, riu a escachar o público e soñamos todos.

Non, o mérito non foi meu. O mérito foi e é dese mozo que na realidade chámase Héctor Guerra, nado en Viana do Bolo, o día 2 de maio de 1977. Acaba de cumprir os 40. Segundo confesión propia, sentiuse atraído pola maxia desde xa moi pequeno e realizou a súa primeira actuación pública o Día das Letras Galegas de 1992. A partir de aí xa foi un correr e non parar: máis de 500 actuacións por todas as táboas do país, do mundo e parte do estranxeiro: desde París ata Bilbao, desde Madrid ata o teatro Principal de Ourense, pasando por Lisboa e a Praza da Quintana, participando en programas televisivos de distintas canles, en vodas, bautizos e festas de gardar; asistindo a congresos de maxia de ámbito, nacional e internacional, para rematar facendo o imposible, ou sexa, maxia, como conducir ás cegas un coche, chapar unha bala cos dentes (sen efectos especiais dos ianquis nin rabo de gaitas), liberarse coma un paxariño dunha camisa de forza nas condicións máis adversas (non imaxinedes unha película porque é aínda peor) e, a bomba xa!, predicir, adiviñar os titulares de prensa cunha semana de antelación. Pura maxia! Auténtico crack!

Te puede interesar