Opinión

Todo un curso sin recreo

A xente é mala. Así de claro o digo. Somos malos. Así de simple. Acabo de escoitar pola televisión a nova dun neno de nove anos que leva sen recreo desde o mes de outubro porque o tiña castigado unha profesora. Unha mestra? Iso nin é mestra nin é persoa! É que nin antigamente se usaba tal disciplina (e iso que eramos tortos de carallo). Practicamente ou sen practicamente todo un curso sen recreo. Un neno! Por moi mal que se portase o neno (que nin iso, xa que o castigo debeuse a non entregar un traballo de música), todo o mundo (nenos e adultos) ten dereito ós seus momentos de ocio. Ata os funcionarios temos dereitos ó café. Seguro que ela, como funcionaria que é, non deixou de tomar o seu cafeciño e ler o xornal! Este ¿elemento de persoa? achacou ante os pais do cativo que era unha “técnica educativa para corrixir a súa postura”. Señora pingallo, iso en vez de técnica é tortura, é maltrato infantil. Agora a Inspección da Consellaría de Educación de Valencia abriralle un expediente informativo á dirección dese colexio de Alzira. Expediente informativo? Pero en que país vivimos! Suspendidos de por vida sen emprego e soldo. O cárcere é demasiado premio para todos eles. Porque todos o sabían, vaia se o sabían.

Te puede interesar