Opinión

Tormenta sobre Molgas en 1887

Agora mesmo acabo de ler neste xornal os avisos de alerta amarela por fortes tormentas. Esperemos que non sexan como a acaecida o luns, 11 de xullo de 1887 (hai 130 anos), que arrasou campos e acabou con moitas cabezas de gando no concello de A Gudiña. Tal treboada aumentou de intensidade segundo se achegaba ó val de Allariz. Arrastrou catro pontes entre Baños de Molgas e Allariz, levándose a unha  muller que estaba lavando a roupa no río Arnoia e que a salvaron de milagre nunha presa.

A quen non puideron salvar foi a un rapaz que estaba na beira esquerda do río e que acabou afogándose. Tamén morreu un mozo alcanzado por unha chispa dentro da súa propia casa. Non fará falta dicir os danos que causou na agricultura. Imaxino toda a Pitediña e Os Campos inundados, así como a auga baixando polas rúas do barrio da Igrexa e pola Ladeira. A tempestade seguiu polo val da Rabeda, Ourense, Moreiras e Ribadavia, a onde chegou xa moi mansiña.

Te puede interesar