Opinión

Trama prevista

Non hai que esforzarse moito para entender a xénese e o porqué de que unha película como “Beleza prohibida” se fixera e chegara ata nós: trátase nin máis nin menos, que de aproveitar o produtivo filón que abriu unha película mona e entretida, tan lixeira e insubstancial como ben feita e interpretada, “Shakespeare namorado”, algo así coma o regreso da comedia lixeira e desenfadada en plan culto pero disfrazada coa coartada biográfica e o sempre produtivo nome de William Shakespeare. En parecidos termos transcorre “Beleza prohibida”, dirixida por Richard Eyre, aínda que en tempos lixeiramente posteriores. Pero, en todo caso, tempos aínda nos que os papeis femininos eran interpretados, no teatro inglés, por homes, elemento esencial que lle dá aquí sentido a toda a trama.

Ou sexa, que como en “Shakespeare namorado”, tamén se trata de recrear unha historia na que o protagonismo feminino dáse a man cunha ó tempo previsible e coñecida reflexión sobre o travestismo na escena. Aquí trátase, como alá, de darlle protagonismo á muller e retirarllo ó home, nunha lóxica que achega o produto final ó hábil cálculo mercantil do politicamente correcto, de concederlle realce ó esperado xogo interpretativo entre unha parella omnipresente que intercambia os seus roles. 

O resultado de “Beleza prohibida” é o dunha película que soa a xa vista, aínda que ben revestida cos ouropeis, con aparencias dunha reconstrución de época impecable e uns secundarios de verdadeiro luxo, como son Rupert Everett, Tom Wilkinson e Ben Chaplin. Unha película ben dirixida, que non se fai pesada, pero á que lle lastra, á que lle pexa unha trama, unhas situacións xa previstas e coa desvantaxe, aínda por encima, dunha parella sen química, Billy Crudup e Claire Danes. Século XVII. Edward 'Ned' Kynaston é a "actriz" máis famosa de Inglaterra. Como a lei lle prohibe ás mulleres actuar, Ned, grazas á súa beleza e ó seu talento, interpretou sempre os principais papeis femininos. Pero o Rei Carlos II, farto da situación, decide animar o ambiente permitíndolle ás mulleres pisar os escenarios e prohibíndolle ós homes interpretar papeis femininos. A persoa máis prexudicada por estas innovacións é Ned, que da noite á mañá perde a súa privilexiada posición.

Te puede interesar