Opinión

Tranquila e pausada

"A cidade onde envellezo” é a primeira longametraxe de ficción da brasileira Marília Rocha e nela formula, presenta a relación cunha urbe en termos de historia de amor. A directora ofrécenos unha ollada cara ó interior de Brasil, sen mostrar présa nos seus planos nos que nos ensina as paisaxes e as súas xentes. Invítanos a relaxarnos e a observar o desenvolvemento da vida na cidade e a relación entre as protagonistas do filme e o seu entorno. Usa uns diálogos moi espontáneos, a maneira de expoñer en palabras os choques culturais de estranxeiros no Brasil.

Francisca, unha moza portuguesa que vive en Brasil, acolle na súa casa á súa vella amiga Teresa. Mentres esta descobre o lugar onde quere instalarse, Francisca ten morriña da súa vida en Lisboa. A película segue o profundo vínculo que crece entre elas, forzándoas a enfrontarse a desexos contrapostos: a vontade de irse a un país descoñecido e unha nostalxia incesante do fogar.

“A cidade onde envellezo” é unha película tranquila, pausada, na que seguimos durante hora e media a estas dúas rapazas e os seus dilemas existenciais. O filme hai que velo con moita calma e deixándose levar pola melancolía, pola señardade e naturalidade que inspiran a historia e a catividade da cidade brasileira. É un retrato da atracción e da busca e, tamén, un canto a Belo Horizonte, unha cidade sen atraccións turísticas, pero cun moi bo ambiente e con moita paixón pola vida.

O filme foi o gran vencedor da 49 edición do Festival de Cine Brasileiro de Brasilia, acadando os premios á mellor película, mellor director, mellor actriz (para as dúas) e mellor actor secundario.

Marília Rocha naceu no Brasil no 1978. Ten un máster en Comunicación Social e os seus traballos foron seleccionados e premiados en numerosos festivais de cine, desde o primeiro, “Aboio” (2005) ata este “A cidade onde envellezo” (2016), pasando por “Acácio” (2008) e “A falla que me fai” (2009), mellor filme no Festival de Cine de São Paulo.

Te puede interesar