Opinión

Trinta segundos sobre Xúpiter

Trinta segundos sobre Xúpiter. A min chégame con estar tan só trinta segundos sobre Xúpiter. Iso significaría que tería que ir alá, que tería que viaxar pola inmensidade do espazo. Durante máis ou menos 629 millóns de quilómetros podería escoitar o silencio e berrar a pleno pulmón “a liberdade é miña!”. Durante uns anos sería o astronauta que compartiría os soños silenciosos co resplandor de certas estrelas, ou de moitas estrelas. Quero ir a Xúpiter sobre unha nave especial ou sobre as ás dunha rula. Dáme igual. Quero ir a Xúpiter para atravesar varios corpos celestes e deixar que a soidade aniñe sobre o ronsel da nave espacial. Durmiría o soño dos xustos e flotaría sobre un corno da lúa en cuarto minguante. Ós cachos sairía da nave para dar unha volta sobre a inmensidade do océano sen auga. Quero ir a Xúpiter porque sei que en trinta segundo son capaz de adiviñar se hai vida no planeta. Todo consistirá en berrar coma se estivera no monte de Pinouzos para que os alieníxenas asomasen por detrás dos penedos. Un berro libre pode abarcar a distancia que vai dun sentimento a un soño. Con trinta segundos sobre Xúpiter  terei a confirmación dun desexo, do meu desexo.

Te puede interesar